asociación

asociación

asociar

Plural: asociacións
  1. s f

    Acción e efecto de asociar ou de asociarse.

  2. s f [BOT ]

    Rango básico no sistema fitosociolóxico de clasificación. O nome fórmase a partir do nome científico dunha ou de dúas plantas presentes na diagnose orixinal do sintaxon e defínese por uns inventarios florais.

  3. s f [DER ]

    Unión de diversas persoas cun vínculo xurídico para un fin común.

  4. s f [DER ]

    Agrupación de diversas persoas, vinculadas xuridicamente, para a obtención dun fin non lucrativo que exclúe a obtención por parte dos asociados dunha ganancia proporcional ás cotas ou participacións preestablecidas.

  5. s f [ECOL ]

    Unidade ecolóxica na que dúas ou máis especies se atopan máis frecuentemente emparelladas do que se esperaría se se desenvolvesen independentemente.

  6. s f [LING ]

    Figura que consiste en aplicar a moitos iso que se refire implicitamente a un só.

  7. s f [QUÍM ]

    Formación de especies moleculares relativamente complexas pola unión de dúas ou máis moléculas simples dunha mesma substancia.

  8. s f [XEOL ]

    Grupo formado cos tipos taxonómicos de solos que aparecen xuntos nunha rexión e que presentan unha determinada relación entre eles.

  9. asociación administrativa de cooperación [DER ]

    Agrupación dos propietarios de terreos suxeitos ao sistema de execución urbanística de cooperación que, ademais de achegar os terreos de cesión obrigatoria, colaboran coa administración pública na execución das obras de urbanización.

  10. asociación de cultivos [BOT ]

    Cultivo simultáneo de dúas ou máis plantas de diferentes especies sobre o mesmo terreo para acadar un maior rendemento económico ou unha mellora na calidade da produción.

  11. asociación de estrelas [ASTRON ]

    Agrupación de estrelas dun mesmo tipo espectral nunha zona relativamente reducida do espazo.

  12. asociación de ganancias [DER ]

    Réxime económico conxugal que crea unha comunidade respecto ás ganancias ou aos beneficios obtidos indistintamente polo marido e a muller durante o matrimonio.

  13. asociación de ideas [PSIC ]

    Fenómeno psíquico polo que unha idea é a causa de aparición espontánea doutras ideas na mente, a consecuencia dunha serie de conexións recíprocas.

  14. asociación ilícita [DER ]

    Delito no que incorren as persoas que forman parte de asociacións non recoñecidas polas leis.

Confrontacións

agrupación, sociedade

Citas

  • Fundaron unha asociación para promover a cultura