ouro

ouro

lat auru

Plural: ouros
    1. s [QUÍM/IND ]

      Elemento metálico que pertence ao grupo I B da táboa periódica, de número atómico 79 e peso atómico 196,967, que se atopa na natureza no seu estado elemental. Presenta unha cor amarela característica, é o máis dúctil e maleable dos metais, ademais dun dos máis estables, non se combina directamente co osíxeno a ningunha temperatura, resiste case todos os ácidos e forma aliaxes coa maioría dos metais. Extráese das áreas auríferas dos aluvións ou dos filóns das rochas auríferas e refínase mediante copelación, tratamento con ácidos ou afinamento electrolítico. A pureza ou lei do ouro exprésase en quilates ou en milésimas e emprégase, ademais de en xoiaría, en certas pezas de material eléctrico, en soldadura e na elaboración de instrumentos de física e de reloxaría.

    2. ouro líquido [QUÍM ]

      Suspensión de ouro, finamente dividido en aceites vexetais, que se emprega en decoración.

    3. ouro negro [IND/QUÍM ]

      petróleo.

    4. tricloruro de ouro [AuCl 3 ] [QUÍM ]

      Sólido cristalino, vermello cando é anhidro e amarelo en forma hidratada, que se obtén pola acción da auga rexia sobre o ouro.

  1. s m

    Cor amarela moi parecida á do ouro.

  2. s m

    Conxunto de obxectos de ouro.

  3. s m

    Cousa moi valiosa ou que ten un prezo moi alto.

  4. s m pl

    Un dos catro paus da baralla, que está representado por moedas de ouro.

Citas

  • A rapaza tiña un pelo de ouro
  • As verzas en xaneiro son ouro
  • Fixo moito ouro cando estivo en Arxentina
  • Non sabe que xoia poñer con todo o ouro que ten

Frases feitas

  • A prezo de ouro loc adv A un prezo moi alto.

Palabras veciñas

ourizada ourizame ourizo ouro ouropel ouropeso ousadía