deserto -ta

< lat desertu
Plural: desertos Masculino: deserto Masculino plural: desertos Feminino: deserta Feminino plural: desertas
  1. adx Aplícase ao lugar que non está habitado ou onde non hai ninguén.
  2. XEOG
    1. s m Rexión deshabitada pola poboación humana, xeralmente a causa das condicións adversas do medio natural, como poden ser as condicións climáticas extremas.
    2. deserto árido Deserto caracterizado pola extrema sequidade atmosférica, provocada pola persistencia de células anticiclónicas.
    3. deserto costeiro/ peruano Deserto orixinado polas correntes mariñas frías.
    4. deserto de abrigo Deserto situado a sotavento dunha gran cordilleira, de xeito que as masas de aire perden a súa humidade mentres ascenden pola vertente de barlovento.
    5. deserto frío Deserto propio das zonas circumpolares e dos límites inferiores das neves perpetuas nas altas montañas.
  3. adx
    1. Aplícase á poxa, concurso ou premio ao que non concorre ninguén.
    2. Aplícase ao premio que non se adxudica porque non se presentaron aspirantes ou porque os presentados non posúen suficientes méritos.
  4. adx DER Aplícase ao recurso interposto pero non presentado en tempo e forma polo recorrente.
  5. s m RELIX Nome dado, en lembranza de san Xerome e doutros Padres da Igrexa, ás ermidas, conventos e mosteiros dalgunhas ordes relixiosas, situadas en despoboados.
  6. Padres do deserto RELIX Anacoretas cristiáns, entre eles Antón o Grande ou Pacomio, que configuraron unha espiritualidade de recollemento, renuncia ao mundo e penitencia.

Citas

  • Algunhas aldeas de Galicia están desertas, Moitas cidades no período de vacacións quedan desertas

Frases feitas

  • Falar/Predicar no deserto. Suxerir ou explicar algo a quen non quere atender ou entender.