copla

< lat copŭla ‘unión, enlace’
Plural: coplas
  1. s f LIT Composición breve que serve de letra a unha cantiga popular ou outra que a remeda. Corresponde a unha combinación de catro versos octosílabos, con rima asonante nos versos pares e sen rima nos impares.
  2. copla castelá LIT Composición de oito versos octosílabos distribuídos en dúas semiestrofas de catro versos, con catro rimas consonantes diferentes cruzadas ou abrazadas. Procede, posiblemente, da lírica galego-portuguesa.
  3. copla de arte maior LIT Estrofa de rima consonante que na Idade Media substituíu á caderna vía e que posteriormente foi relegada polo auxe dos hendecasílabos, da oitava real e do soneto. Consta de oito versos de arte maior, polo común dodecasílabos, con dúas ou tres rimas consonantes diferentes, cruzadas ou abrazadas e organizadas de catro en catro. Os versos cuarto e quinto adoitan rimar entre eles. Algúns teóricos afirman que a súa orixe está na poesía medieval galego-portuguesa. Empregouse con asiduidade na lírica culta castelá do s XV.
  4. copla de arte menor LIT Estrofa formada, polo común, por oito versos octosílabos, con tres rimas consonantes diferentes cruzadas ou abrazadas. Foi habitual na poesía popular ata a segunda metade do s XV.
  5. copla de pé crebado LIT Estrofa que consta de seis versos, catro octosílabos e dous pés crebados tetrasílabos, isto é, que se organiza en dous tercetos octosílabos simétricos rematados cada un deles nun cuarto verso tetrasílabo. Ten rima consonante. OBS: Tamén se denomina dobre sextilla, copla manriqueña ou copla de Jorge Manrique.
  6. copla mixta LIT Molde métrico que pode ter de sete a doce octosílabos e un número variable de rimas, con ou sen enlace entre as dúas semiestrofas. Procede da poesía occitana medieval e seguiu empregándose ata o Século de Ouro español.
  7. copla real LIT Estrofa de dez versos octosílabos consonantes distribuídos en dúas semiestrofas de cinco versos con rimas diferentes, proliferou nos cancioneiros casteláns dos ss XV e XVI. OBS: Tamén se denomina décima falsa, estancia real ou quintilla dobre.