núcleo

núcleo

lat nuclĕu

Plural: núcleos
  1. s m

    Parte principal dunha cousa ao redor da que se desenvolven ou rexen os demais elementos.

    1. s

      Parte do átomo en que se concentra case toda a súa masa e toda a carga eléctrica positiva, e que está formado por protóns e neutróns.

    2. núcleos espello

      Parella de núcleos atómicos constituídos polo mesmo número total de nucleóns, pero de tal xeito que o número de neutróns dun é igual ao de protóns do outro.

  2. s m [BIOL ]

    Glóbulo esférico ou elipsoide que contén a maioría do ADN da célula e que dirixe a síntese celular.

  3. s m [XEOL ]

    Esfera central da Terra que está situada baixo a descontinuidade de Gutenberg, que a separa do manto e que se estende por debaixo dos 2.900 km.

  4. s m

    Lugar onde se concentra un maior número de persoas ou actividades.

  5. s m

    Persoa ou cousa que se converte no centro de atención.

  6. s m

    Grupo de individuos cunha especial cohesión social, ideolóxica ou política.

    1. núcleo industrial [ECON ]

      Lugar onde se concentra a industria. As súas características determínanas varios factores, como a facilidade de comunicación, a proximidade das materias primas, a abundancia de man de obra especializada ou barata, as facilidades arancelarias e a vontade do poder político.

    2. núcleo urbano [URBAN ]

      Sector primitivo dunha cidade arredor do que esta se expandiu.

  7. s m [MAT ]

    Subconxunto de A, nun morfismo f entre os conxuntos A e B, formado por todos os elementos dos que a imaxe é o elemento neutro de B.

    1. núcleo amigdaloide

      Núcleo de substancia gris que se atopa no extremo lateral do corno descendente do ventrículo lateral do cerebro.

    2. núcleo polposo

      Núcleo de substancia elástica e xelatinosa.

  8. s m [ARQUIT ]

    Piar onde encaixan os chanzos dunha escaleira de caracol.

  9. s m [PREHIST ]

    Parte central dun sílex ou doutra pedra que se utiliza para realizar instrumentos prehistóricos, a partir do que se cortan os bifaces.

  10. s m [FÍS ]

    Parte dun reactor nuclear onde está o combustible.

  11. [METEOR ]

    Pequena partícula higroscópica, que abunda na troposfera e sobre a que se depositan as moléculas de vapor de auga cando o contido de vapor do aire está próximo ao punto de saturación.

  12. [FÍS ]

    Parte do circuíto magnético dun electroimán, dun transformador ou dunha máquina eléctrica arredor do que hai un enrolamento.