león, leoa

león, leoa
Plural: leóns
  1. s [ANIMAL ]

    Carnívoro, da familia dos félidos, de gran tamaño, membros robustos e esbeltos e fortes zarpas. Presenta cabeza grande, orellas pequenas, cabeiros moi desenvolvidos e rabo delgado. A pel é de cor ocre, de tonalidade variable, e a crina máis escura. A femia é de menor tamaño, de pelaxe máis clara e non presenta guedellas. O león desenvolve costumes crepusculares, caza preto dos bebedoiros e aliméntase principalmente de animais herbívoros.

  2. s m
    1. [ARTE ]

      Tema iconográfico moi corrente desde a Antigüidade. Aparece na representación de cazarías e nas tumbas reais occidentais, aos pés das figuras xacentes dos reis como símbolo do poder.

    2. [RELIX ]

      Figura de león no tetramorfo que simboliza ao evanxelista Marcos, que ten a súa orixe na visión do profeta Ecequiel narrada no seu libro.

    3. [HERÁLD ]

      Figura heráldica que se representa coas gadoupas levantadas, a destra alta, a sinistra un pouco máis baixa. A súa posición habitual é a de rampante.

  3. león de Xudá [RELIX ]

    Símbolo da potencia do Reino de Xudá. Como título foi referido ao negus de Etiopia.

  4. león mariño [ANIMAL ]

    Carnívoro pinípedo da familia dos otáridos, de gran tamaño, que presenta corpo fusiforme e coas patas posteriores rematadas en aletas. Habitan no mar aberto formando manadas de moitos individuos e en época reprodutiva acércanse ás costas onde acaparan o maior número de femias formando haréns.

Formas incorrectas

leona

Palabras veciñas

lenzaría lenzo león león, leoa leonado -da leone leoneira