previsión

< lat praevisĭōne
Plural: previsións
  1. s f Acción e efecto de prever.
  2. s f ECON Reserva constituída para cubrir unha necesidade predeterminada.
  3. previsión do tempo METEOR predición do tempo.
  4. previsión social DER Conxunto de normas legais en favor dos traballadores, integrada en España no sistema da seguridade social, a través do Instituto Nacional de la Seguridad Social, as mutualidades laborais e as mutuas patronais.

Refráns

  • Busca pan para maio e leña para abril e bótate a durmir.
  • De caldo requentado e vento de burato, gárdate coma do diaño.
  • Deixa qué comas e non qué pagues.
  • Deixa qué comer e non deixes qué facer.
  • Dúas veces pon a mesa quen come e deixa.
  • Entre moza e mozo convén sempre un muro groso.
  • Garda no verán da mocidade para o inverno da idade.
  • Gran a gran, procura ter para o inverno e máis para o vran.
  • Hai que saber que hai mañá.
  • Mira adiante e non quedarás atrás.
  • Mira para di ante e non caerás.
  • Nin casa á beira do río nin viña ao pe do camiño.
  • No setembro come e vende, mais non sexa tanto o comer, que non deixes qué vender.
  • Non deixes para mañá o que poidas facer hoxe.
  • O que adiante non mira, atrás queda.
  • O que non garda leña para abril, non sabe vivir.
  • O que pensa a onde vai, esquece ás veces de onde vén.
  • Quen adiante non mira, para atrás se volve.
  • Un tempo bo trae outro tempo malo.
  • Vale máis un por se acaSo que un ¡quen pensara!