aluminio

< alumina
Plural: aluminios
  1. s m QUÍM Elemento metálico, que pertence ao grupo III da táboa periódica, de cor branca arxéntea, dúctil e moi maleable. Atópase sobre todo en forma de silicatos, de óxido e de fluoruro dobre de aluminio e de sodio, pero nunca en forma libre. As aplicacións do aluminio metálico e das súas aliaxes son moi importantes e variadas.
  2. acetato de aluminio QUÍM Composto empregado na fabricación de lacas, como mordente de tinturas e para a ignifugación e impermeabilización de tecidos.
  3. aluminio en pasta PINT Pasta formada por pos de aluminio e un disolvente, utilizada como pigmento na fabricación de pinturas. Dispérsase mellor ca o aluminio en po, forma películas con máis facilidade, cun manexo máis sinxelo e un menor risco de incendio.
  4. aluminio en pos QUÍM Pos de aluminio de cor gris brillante e de forma laminar. Empréganse en aluminotermia, para os flashes fotográficos, na fabricación de aceiro, de explosivos e como pigmento para pinturas metálicas.
  5. bronce de aluminio IND Designación xenérica das aliaxes a base de cobre e aluminio de gran resistencia mecánica. Emprégase no revestimento de iates e na industria química.
  6. cloruro de aluminio QUÍM Cloruro anhidro moi empregado como catalizador na industria do petróleo.
  7. estearato de aluminio QUÍM Composto empregado para espesar lubricantes na industria de pinturas e para a impermeabilización de tecidos.
  8. hidróxido de aluminio QUÍM Sólido empregado como mordente nas tinturas pola súa capacidade de absorber un colorante cando precipita dunha solución que contén ese colorante.
  9. papel de aluminio IND/TECNOL Lámina de aluminio obtida mediante sucesivas laminacións dunha cinta ou prancha de aluminio puro.
  10. silicatos de aluminio QUÍM Grupo de compostos que comprende o caolín, as arxilas e os alúminosilicatos.
  11. sulfato de aluminio QUÍM Composto moi empregado na industria papeleira, na fabricación de adubos, para a clarificación e a purificación das augas, na industria téxtil e na fabricación de extintores de incendios.