estado

< lat statu
Plural: estados
  1. s m Maneira de ser, de estar ou de atoparse nun momento dado, alguén ou algo.
  2. FÍS
    1. s m Maneira de ser, de presentarse ou de existir un sistema material. O estado dun sistema defínese por un número determinado de magnitudes físicas expresables cuantitativamente, chamadas variables ou funcións de estado.
    2. ecuación de estado Expresión analítica implícita que relaciona as propiedades físicas, a presión, o volume específico e o tempo.
    3. estado de agregación Estado dun sistema material segundo o grao de cohesión das moléculas que o forman. Segundo o estado de agregación, un sistema material pódese presentar en forma sólida, líquida e gasosa.
  3. PAT
    1. s m Período dunha enfermidade no que os síntomas permanecen aproximadamente iguais.
    2. estado crepuscular Estado caracterizado pola perda transitoria da consciencia e o mantemento da capacidade para efectuar involuntariamente accións que logo non se lembran.
  4. POLÍT
    1. s m Entidade estable e permanente de carácter soberano, asentada sobre un territorio delimitado, habitada por unha determinada poboación e dotada dun poder político e xurídico institucionalizado. De acordo coa súa estrutura o estado unitario concentra nun único goberno central todas as competencias, que afectan por igual a todo o territorio; o federal recoñece o gozo de competencias de modo exclusivo a certas entidades dentro do propio Estado que dispoñen de atribucións lexislativas, executivas e xudiciais propias. Pola forma de goberno, distínguense a monarquía e a república e os réximes parlamentarios e presidencialistas.
    2. s m Conxunto dos poderes públicos que conforman o aparato administrativo da comunidade política.
    3. Estado das autonomías Denominación do modelo de Estado establecido en España pola Constitución de 1978, que permite a creación en territorios limítrofes dunha comunidade autónoma que pode acceder ao seu autogoberno nas competencias que a propia Constitución establece.
    4. estado de dereito Estado no que os poderes públicos están sometidos de modo efectivo ao imperio da lei mediante o control xurisdicional dos seus actos.
    5. estado patrimonial Estado no que a soberanía non procede da organización nacional, senón da persoa física do soberano, limitada só polas leis morais e relixiosas.
    6. estado policial Estado que recoñece os dereitos civís dos individuos pero que lles nega os dereitos políticos.
    7. golpe de estado Toma do poder político por un grupo minoritario, xeralmente vinculado ás forzas armadas, que se produce normalmente en momentos de crise económica e de indecisión e desorganización do réxime político.
    8. razóns de estado Consideracións polas que un goberno sitúa o interese de Estado por enriba dos principios xeralmente admitidos, que deben quedar subordinados.
  5. s m HIST Cada un dos territorios sometidos á xurisdición dun soberano ou dun señor xurisdicional.
  6. HIST
    1. s m Cada unha das ordes ou estamentos nos que se consideraba dividida a sociedade no Antigo Réxime.
    2. Estados Xerais Asemblea dos tres estamentos, nobreza, clero e terceiro estado, e de todas as provincias, durante o Ántigo Réxime, convocada polo rei para obter subsidios extraordinarios e asegurar a unidade no seu contorno.
  7. estado civil DER Circunstancias persoais que determinan a capacidade, os dereitos e as obrigas dos cidadáns. As causas que o determinan son o nacemento, a nacionalidade, o sexo, a familia, a idade e a ausencia.
  8. estado de alarma/emerxencia DER Situación que declara a autoridade competente diante dunha catástrofe natural, accidente, crise sanitaria, desabastecemento de produtos de primeira necesidade ou de servizos fundamentais, pola que todos os recursos materiais e humanos das administracións e dos particulares quedan a disposición do goberno e baixo as ordes directas del.
  9. estado de excepción DER Situación que declara a autoridade competente diante dunha alteración grave do libre exercicio dos dereitos e liberdades dos cidadáns, dos servizos públicos esenciais ou da orde pública, que non se pode resolver co exercicio das potestades ordinarias.
  10. estado de necesidade DER Situación de grave perigo ou de extrema necesidade que só se pode remediar vulnerando os intereses xuridicamente protexidos dun terceiro, o que conduce a un conflito co dereito fundamental e inalienable á vida.
  11. estado de sitio DER Situación anómala que declara a autoridade competente diante da produción ou ameaza dunha insurrección ou acto violento que poña en perigo a soberanía ou a independencia do Estado, a súa integridade territorial ou a orde constitucional.
  12. estado maior BÉL Corpo de oficiais encargado desde o s XIX do asesoramento técnico dos cargos superiores do exército, de distribuír as ordes e de velar polo seu cumprimento.
  13. teoría do estado estacionario ASTRON Teoría cosmolóxica que establece que o Universo non ten nin principio nin final e que a densidade da materia é constante. Abandonouse en beneficio da teoría do Big Bang.

Citas

  • A víctima permanece nun estado lamentable despois da agresión, Véndese un coche en bo estado, Nese país aínda hai terras en estado virxe

Frases feitas

  • Caer/Estar/Quedar en estado. Quedar embarazada.