curva

< lat curva, f de curvu ‘curvo’
Plural: curvas
  1. s
    1. Liña curva.
    2. Anaco curvo que presenta algo que ten unha estrutura lineal.
    3. col Forma máis ou menos redondeada que presenta o corpo dunha muller.
    1. s f Representación gráfica mediante unha liña da variación dunha magnitude respecto a outra ou da evolución dun determinado fenómeno.
    2. s f MAT Conxunto de puntos cunhas coordenadas, respecto a un sistema de referencia dado, que se poden expresar como funcións continuas dun só parámetro.
    3. curva característica TECNOL Curva que representa a relación entre dúas ou máis magnitudes referidas ao funcionamento dun elemento, compoñente, transdutor ou dispositivo electrónico.
    4. curva clinográfica XEOG Representación esquemática que, mediante unha liña que une determinados puntos no plano, representa o valor medio das pendentes nos diferentes puntos dunha rexión xeográfica, en función das alturas correspondentes.
    5. curva de Barcroft BIOQ Representación gráfica da concentración de osíxeno da hemoglobina respecto á presión parcial de osíxeno en sangue.
    6. curva de crecemento BIOL Representación gráfica da variación do número de células ou de individuos dunha poboación ao longo do tempo.
    7. curva de Meyer QUÍM Representación gráfica do volume atómico e doutras propiedades dos elementos químicos respecto ao volume atómico.
    8. curva de nivel XEOG Liña que une determinados puntos no plano e que se emprega nas representacións cartográficas para unir os puntos de igual altitude, tendo como referencia un plano horizontal.
    9. curva de supervivencia ECOL Representación gráfica do logaritmo do número de superviventes dunha poboación ao longo do tempo.
    10. curva de temperatura/térmica MED Representación gráfica da variación da temperatura corporal ao longo do tempo no transcurso dunha enfermidade.

Antónimos

Citas

  • As mozas que saían na revista tiñan moitas curvas
  • Cando tiña que debuxar, en vez de facer trazos rectos facía curvas
  • Hai que reducir de velocidade antes de entrar na curva para que agarre mellor o coche