ciclo

ciclo

lat cyclu gr κύκλος ‘círculo’

Plural: ciclos
  1. s m

    Serie de acontecementos ou fenómenos que se suceden e repiten ordenadamente.

  2. s m

    Período de tempo que xa se dá por concluído e a partir do que se comeza a contar de novo.

  3. s m

    Conxunto de actos culturais que se celebran en relación cun mesmo asunto ou tema.

    1. s

      Conxunto de composicións poéticas, narrativas ou dramáticas relacionadas entre si segundo un criterio temático, cronolóxico ou mesmo de autoría.

    2. ciclo carolinxio

      Conxunto de narracións ambientadas na Corte de Carlomagno e dos Doce Pares de Francia, que recibiu, así mesmo, o nome de materia carolinxia ou materia de Francia. A obra máis coñecida da materia carolinxia constitúea a Chanson de Roland.

    3. ciclo troiano

      Conxunto de narracións medievais, en prosa e verso, que toman como eixe temático a guerra de Troia. A obra que lle serviu de inspiración ao ciclo troiano foi a Ilíada de Homero.

  4. s m
    1. verticilo.

    2. Número de membros, en filotaxe, dunha espira xeratriz.

  5. s m
    1. Serie de fases e de cambios efectuados segundo unha sucesión ordenada mediante a que un mecanismo, unha substancia ou un sistema se ven obrigados, periodicamente ou non, a volver ás súas condicións iniciais.

    2. Parte dun fenómeno periódico que ten lugar durante un período.

  6. s m [LING ]

    Unidade aplicada na fonética acústica que afecta á amplitude e á frecuencia dos sons.

  7. s m [QUÍM ]

    anel.

  8. s m [TECNOL ]

    Serie de operacións efectuadas polos gases operantes no cilindro e que se repiten periodicamente.

  9. ciclo biolóxico/vital

    Conxunto de cambios que experimenta un organismo ou unha serie de xeracións de organismos, desde a fecundación do ovo ata a reprodución de gametos.

  10. ciclo biosférico/bioxeoquímico [ECOL ]

    Ciclo que completa un elemento químico ou un composto na natureza.

  11. ciclo de Krebs [BIOQ ]

    Conxunto de reaccións que se produce de maneira tipicamente cíclica e que teñen como finalidade a degradación de elementos dicarbonados (acetilcoencima A), que transforman en CO 2 , con aproveitamento da súa enerxía redutora mediante cadeas respiratorias para levar a cabo a fosforilación oxidativa. OBS: Tamén se denomina ciclo dos ácidos tricarboxílicos e ciclo do ácido cítrico.

  12. ciclo de sedimentación [XEOL ]

    Proceso en que se forma o sedimento, se transporta e finalmente se deposita, co que volve a comezar o proceso cando a erosión actúa sobre estes depósitos.

  13. ciclo económico [ECON ]

    Cambio pequeno e moi regular do nivel da actividade económica que, dunha maneira persistente, foi alterando a marcha xeral da economía nos países capitalistas desenvolvidos desde finais do s XVIII.

  14. ciclo hidrolóxico [METEOR ]

    Conxunto de procesos que experimenta a auga ao mudar de estado, como consecuencia dos mecanismos de transferencia de enerxía que se establecen entre a superficie terrestre e a atmosfera.

  15. ciclo lunar

    Período de tempo no que, unha vez transcorrido, o Sol e a Lúa se atopan novamente nas mesmas posicións relativas e, en consecuencia, repítense as fases da Lúa nas mesmas datas.

  16. ciclo solar

    Período de tempo tras o que os días da semana se repiten nas mesmas datas do ano.

  17. ciclo termodinámico [FÍS ]

    Proceso cíclico, ou secuencia de transformacións, dun sistema termodinámico no que ao seu remate o sistema queda no mesmo estado termodinámico que estaba ao principio.

  18. ciclo xeolóxico [XEOL ]

    Ciclo constante de creación e destrución experimentado pola Terra.

Citas

  • O ciclo Alpino comezou hai 225 millóns de anos
  • O ciclo das estacións repítese ano a ano
  • O ciclo de conferencias sobre Otero Pedrayo vaise celebrar en Ourense en novembro